ICTUS
Chévere e CDN
Lugar: Auditorio Municipal Gustavo Freire
Título completo: ICTUS (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao)
Idade recomendada: A partir dos 14 anos
Sinopse:
Para arrincar este proxecto xuntámonos de novo Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron, o núcleo creativo do grupo Chévere co que iniciamos outras obras de gran proxección como Eroski Paraíso, Curva España ou N.E.V.E.R.M.O.R.E. que seguramente lembraredes. Eroski Paraíso era unha historia sobre o impacto da globalización nun pequeno lugar da costa galega, Curva España ironizaba coa construción do mito nacional español coma se fose un true crime ferroviario e N.E.V.E.R.M.O.R.E. rememoraba a catástrofe do Prestige abrindo a súa caixa negra.
Ben, pois agora imos contar unha historia sobre os traumas da nosa memoria democrática.
Para iniciar un novo proxecto sempre hai un feito que actúa como desencadeante ou como interruptor. O detonante para esta nova obra é o acto institucional de recepción do cadro de Castelao titulado A derradeira leición do mestre, que organizou o goberno galego a finais do 2018. Oficialmente o goberno trae este cadro por primeira vez desde Arxentina a Galicia para ser a peza protagonista dunha exposición sobre a educación no primeiro terzo do século XX. Pero con ese acto de recepción previo o goberno e o presidente do goberno están expresando unha intención narrativa. Quérennos contar unha historia. E nós queremos descubrir como é esa historia. Porque ten toda a pinta de ser unha historia moi chula sobre como se constrúen as narrativas da memoria.
Na primeira foto que vimos dese acto de recepción, os membros do goberno e o resto de persoas convidadas rodeaban o cadro, que estaba deitado nunha mesa, seguindo con moita atención as explicacións que ofrecía unha experta en arte. Axiña pensamos nun cadro de Rembrandt. Seguro que o coñecedes: A lección de anatomía do Dr. Tulp. Ese no que aparece un grupo de cirurxiáns asistindo á disección pública do brazo dun cadáver. Esta asociación fíxonos entender o acto de recepción do cadro de Castelao non só como un acto protocolario, senón como unha auténtica lección de anatomía da memoria. Porque mostra en detalle como se disecciona a memoria dun obxecto. E non de calquera obxecto, senón daqueles que teñen unha carga simbólica poderosa.
Basta dicir que este cadro de Castelao é denominado o Gernika galego. Porque representa unha escena do terror desatado en Galicia, que Castelao convirte nunha homenaxe a Alexandre Bóveda, fusilado en agosto do 36 tras un xuízo militar sumarísimo sen base legal ningunha.
Por tanto estamos falando dun cadro que representa a nosa memoria democrática, que lembra que en Galicia non houbo guerra civil porque só houbo un bando, que asasinou impunemente a quen defendía a legalidade democrática e a quen tiña ideas distintas aos autores do golpe de estado. Un golpe que provocou unha alteración da nosa memoria colectiva aínda sen resolver. Un trauma que afectou xa a catro xeracións.
Ben, pois queremos contar a historia desa memoria traumática a través dunha historia persoal. Argallar un dispositivo documental para crear unha ficción.
Entendemos o conflito coa nosa memoria democrática como unha psicopatoloxía da memoria, é dicir, a forma en que esta se presenta alterada (amnesia selectiva, fabricación de falsos recordos etc.). Unha alteración da memoria colectiva á que nos podemos achegar a través da historia dun personaxe que sufre unha alteración da súa memoria persoal provocada por outro tipo de golpe, un ictus, que desencadea unha serie de secuelas denominadas Dano Cerebral Adquirido (DCA). A súa procura de solucións farémola nosa.
Pode unha persoa con DCA ter a chave para resolver o conflito coa nosa memoria democrática?
Iso é o que imos tratar de contar.
Por iso optamos por titular a obra así: Ictus, unha palabra latina que significa golpe súbito, dano, ferida. Pero non queremos esquecer a capacidade que ten a arte para facer memoria, ofrecendo testemuños sobre feitos históricos reais, e por iso colocamos un subtítulo que conecta o cadro de Castelao co de Rembrandt: a derradeira leición (de anatomía) do Dr. Castelao.
Un personaxe entra en escena e conta que sufriu un ictus que lle impide completar os seus recordos. Sabe que tivo o ictus ao saír dun acto que o goberno organizou na Cidade da Cultura para recibir o cadro de Castelao titulado “A derradeira leición do mestre”. Pero non lembra por que estaba alí ou por que lle interesaba ese cadro. Para iso ten que reconstruír todo o que esqueceu. Empeza elaborando un test de memoria que envía a outras persoas que estiveron nese acto. Quere saber por que estaba alí. Quere sabelo todo sobre aquel cadro. É o seu xeito de non esquecer o que importa.
ACCESIBILIDADE: esta obra conta con intérpretes de lingua de signos (LSE) en escena e audiodescrición en directo, por tanto a obra é accesible a persoas xordas signantes e a persoas con discapacidade visual. A compañía ofrece a posibilidade de realizar un paseo táctil previo ao comezo da obra para persoas cegas e con discapacidade visual. A obra conta con programa de man en lectura fácil.
CONDICIÓNS
- Adquisición de entradas a través do portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.
- Non se permitirá o acceso á sala unha vez comenzada a función, nin con comida e bebida.
- Prohíbese a toma de fotografias e gravación do espectaculo, tanto no que se refire a son como imaxe, a escepción dos medios gráficos previamente autorizados.
- Data de posta á venda 07/01/2026 as 16:00h.
Prezo:
- Precio A: 5,00 €
- Precio B: 5,00 €
Próximas sesións:
- xoves, 16 de abril de 2026 20:30 hs.
Inicia sesión para mercar entradas
A través do seguinte formulario pode cambiar os seus datos personais, recorde utilizar un correo válido en non utilice espazo no seu nome de usuario.
Rexístrate para poder mercar entradas
O rexistro é o primeiro paso necesario para poder mercar entradas a través desta plataforma, pero ademáis permitirache:
- Ter acceso a tódolos eventos
- Comprar entradas con antelación
- Ter históricos dos eventos
- Compra rápidas sen esperas
- Imprimir as entradas dende a tú casa
- Leer condicións de uso